Denunciado por reclamar a presentación dun procedemento en galego

Un xuíz acusa de inxurias un sindicalista que lle pediu que cumprise a Lei de normalización

Eduardo Álvarez, responsable comarcal da CIG-Ensino na Coruña e socio da Mesa da Normalización Lingüística, será xulgado este mércores pola acusación de "inxurias" que lle fixo o xuíz-decano da Audiencia Provincial da Coruña, Antonio Fraga, ó que lle reclamou a presentación dun procedemento en galego. A vista terá lugar o 18 de xullo, ás 11.45 horas.

Os feitos remóntanse a hai xa varios meses, cando Eduardo Álvarez dirixira un escrito ao xuíz-decano da Coruña tras ver como, logo dun procedemento por un asunto particular, o xulgado correspondente negábase a lle notificar en galego, malia que esta fora a lingua que o interesado empregara en todo o proceso e malia este ser un dereito recollido no artigo 7.2 da Lei 3/1983 de normalización lingüística. Álvarez facía constar no seu escrito, ademais, o uso do topónimo oficial da cidade deturpado no selo oficial do tribunal.

Porén, Fraga Mandián, na súa resposta, non só xustificou a negativa do xulgado a lle notificar ao interesado en lingua galega, como este solicitaba, senón que se refería ao indebido uso da denominación oficial da Coruña como un "simple erro ortográfico". Ante isto, Eduardo Álvarez dirixiuse ao Consello Xeral do Poder Xudicial e viuse na obriga de denunciar publicamente a súa indefensión. Tal denuncia pública valeulle que Fraga Mandián o denunciase a el xudicialmente, acusándoo de "inxurias" por, segundo el, telo chamado "mentirán" nos medios de comunicación.

A Mesa sinala esta situación como "unha nova mostra da fobia contra o galego e contra quen está disposto a usalo en todo e para todo que aínda parece profesar unha parte da xudicatura"; unha situación que "non é a primeira que se produce nos últimos meses nos xulgados coruñeses" e que demostra "o carácter subalterno" da lingua galega na xustiza.

Fonte: Galicia Hoxe

Pechar xanela