O Consello de Europa segue a detectar importantes deficiencias canto ao uso do galego na Xustiza
O Comité de Expertos outórgalle á Administración de Xustiza unha nota moi baixa canto aos usos, ás actitudes, aos medios técnicos e á formación do galego no seu segundo informe sobre o cumprimento da CELRM.
O pasado mes de decembro o Consello de Europa fixo público o segundo informe sobre o grao de cumprimento en España da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (CELRM). O Estado español, xunto con outros estados membros, asinou no ano 1992 o compromiso de cumprir co establecido neste texto europeo e posteriormente volveuno ratificar no 2001.
Neste segundo informe da CELRM séguense a detectar abundantes deficiencias canto ao uso normal do galego na Administración de Xustiza (vid. páxs. 131-133).
O Comité de Expertos puido constatar sobre o terreo a escaseza de medios profesionais para levar a cabo labores de tradución nos xulgados galegos -disponse de 9 tradutores para máis de nove mil procedementos-. As autoridades advirten do case nulo uso do galego por parte de xuíces/as e poñen como exemplo o caso dos xulgados santiagueses, onde o uso do galego por parte do xulgado do social núm. 2 constitúe un caso illado. Tamén se fai referencia neste apartado ás dificultades técnicas debido á inexistencia de textos oficiais traducidos e de programas informáticos en galego.
Especialmente destacable é o referido ás actitudes por parte dos xuíces, onde literalmente se relata: “representades do sistema xudicial informan de que os xuíces adoptan unha actitude negativa no que respecta ao emprego do galego nos tribunais” (parágrafo 1067). No momento desta avaliación só 10 xuíces se mostraron capaces de levar os procedementos no idioma galego e só 10 dos 234 fiscais empregaban este idioma.
Canto á formación, as autoridades recoñecen a necesidade de levar a cabo e reforzar os programas de formación específica en galego na linguaxe xurídica (parágrafo 1071). Por outra parte, tamén se reflicte que os estudos xurídicos para avogados e xuíces a nivel universitario se ofrecen principalmente en castelán o que provoca en parte as carencias canto á competencia do galego á hora de exercer a profesión no futuro.
Por último, o Comité de Expertos recoméndalles ás autoridades españolas o seguinte:
- modificar o marco xurídico para que quede claro que as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas de Galicia levarán a cabo os procedementos en galego, por pedimento dunha Parte;
- promover o proxecto sobre “a disposición positiva e relativa á información” iniciado en 2005;
- tomar as medidas necesarias para incrementar a porcentaxe do persoal da Administración de Xustiza de Galicia, a todos os niveis e, en particular, entre os xuíces/as e fiscais, que pode empregar o galego como lingua de traballo nos tribunais, e
- establecer programas de formación axeitados orientados ao persoal da Administración de xustiza e aos avogados/as.