O galego contará cun tradutor automático galego-inglés e cun dicionario de correspondencias en liña castelán-portugués-inglés
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a contratación de novas aplicacións tecnolóxicas para a lingua galega. O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución deste departamento autonómico para a contratación dun sistema de tradución automática do galego ao castelán, do galego ao inglés e do inglés ao galego, por procedemento aberto e mediante concurso.
Segundo establece a resolución, o obxecto do concurso é a adquisición dun sistema de tradución automática para textos breves, ficheiros de texto e páxinas web, para uso corporativo da Xunta de Galicia e da cidadanía.
O orzamento base de licitación para esta ferramenta é de 274.000 euros, e o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de setembro.
Correspondencias en castelán, portugués e inglés
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se anuncia a contratación dunha subministración para publicar na internet un dicionario de galego con correspondencias en castelán, portugués e inglés, por procedemento aberto e mediante concurso.As características básicas do sistema posibilitarán o acceso ao dicionario, de forma xeral, rápida e sinxela. Ademais, na convocatoria tamén se solicita que esta ferramenta teña un funcionamento autoexplicativo na realización de consultas, interface áxil e sinxela e posibilidades de personalización.
O orzamento base de licitación é de 63.280 euros, e o prazo para a presentación de solicitudes remata tamén o 25 de setembro.
Sector transversal
Con estas novas ferramentas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística dá un paso máis no ámbito das novas tecnoloxías, un sector considerado transversal no Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece como obxectivos xerais deste sector fomentar a presenza do galego, lograr unha oferta ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos na nosa lingua, potenciar a presenza desta en Internet, potenciar a investigación da tradución automática, o recoñecemento e a síntese de voz, e outras novas técnicas que faciliten a opción positiva no mercado da información e da comunicación, e que aseguren a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna.Toda a información sobre estas convocatorias pódese consultar na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega)
Pechar xanela