Campaña “Avogamos polo galego”

Ano: 2007

Cartel

cartelavogamos

Información

Presentación da campaña “Avogamos polo galego” e xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”

avogamos[09/11/2007] Onte tivo lugar a presentación da campaña Avogamos polo galego no salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. Neste acto interviñeron o decano do propio colexio, D. Evaristo Nogueira Pol, xunto coa secretaria xeral de Política Lingüística, D.ª María Sol López Martínez. Ambos os dous destacaron, principalmente, a importancia de contribuír á normalización do idioma no ámbito da avogacía e a necesidade de ofrecer os medios necesarios para poder acadar este reto.

Na campaña presentouse, entre outros materiais, un tríptico informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza. Outro dos produtos da campaña foi a presentación dun banner que a partir de hoxe vai aparecer na páxina web do colexio www.icasantiago.org e que ademais todos os letrados e letradas poderán levar tamén ás páxinas dos seus despachos. En canto á súa incidencia, agárdase que a campaña chegue a todos os espazos vinculados á xustiza na cidade compostelá, como aos despachos, aos xulgados e á Escola de Práctica Xurídica, entre outros.

A presentación desta campaña deu lugar ao desenvolvemento da xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que contou principalmente entre os seus asistentes con profesionais do mundo da xustiza e da lingua.

Os relatorios presentados nesta xornada trataron diferentes perspectivas acerca do momento que atravesa a normalización da lingua galega na xustiza.

xornadaNa primeira das sesións, que foi presentada e moderada polo secretario do colexio, D. José Carlos García Cumplido, o profesor e catedrátito de Dereito Romano, D. Luis Rodríguez Ennes, fixo un percorrido histórico polos distintos momentos que viviu o galego no eido xurídico. Pola súa parte, o maxistrado, D. Xosé Xoán Barreiro Prado, realizou unha interpretación dos principais preceptos legais sobre os dereitos lingüísticos na Administración de xustiza.

A segunda sesión foi moderada polo decano do Colexio de Avogados de Santiago, D. Evaristo Nogueira Pol, quen presentou o seu homólogo de Vigo, D. Alfonso Álvarez Gándara. No seu relatorio, o decano de Vigo abordou o comportamento dos poderes públicos e dos profesionais do Dereito cara ao galego. Por último, o profesor e sociolingüista, D. Xosé Henrique Monteagudo Romero, ofreceu unha análise da situación de convivencia entre as dúas linguas oficiais no mundo da xustiza en Galicia.

xustizaOs dous actos, que forman parte do programa de dinamización lingüística que está a desenvolver o Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, teñen como finalidade incidir no fomento do uso do galego por parte da avogacía de Compostela.

Galería de Imaxes