Web oficial do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela - Galicia - Spain

Men Vertical en acorden con jQuery

>>Vida colexial

Emilio Fernández de Mata despídese do Xulgado do Social de Santiago para desempeñar a súa función no Tribunal de Xustiza de Galicia

Informes de Honorarios

Xornada: “A intervención da Garda Civil de Tráfico nos accidentes con danos materiais”

Acto de xura dos novos letrados

Normalización lingüística... Benvida!


Emilio Fernández de Mata despídese do Xulgado do Social de Santiago para desempeñar a súa función no Tribunal de Xustiza de Galicia

O que escribe estas liñas non é un Avogado especialista en dereito laboral e practicamente cóntanse polos dedos dunha man as veces que tivo que actuar ante o Xulgado do Social en dezasete anos de profesión. Pero iso non é causa para ter coñecemento das virtudes de quen ata o momento se ocupaba do Xulgado do Social núm. un da nosa cidade. Refírome a Emilio Fernández de Mata. E ese coñecemento devén dun dobre motivo, as conversacións cos compañeiros que se dedican ao dereito laboral e a miña condición de Decano do Colexio. Os primeiros sempre me gabaron o coñecemento do dereito de Emilio e a súa aplicación ás resolucións que ditaba. Coméntanme tamén que as súas sentenzas estaban estudadas e meditadas, propias de quen é un traballador nato e ten un compromiso coa súa profesión. Ademais de todo iso, e con independencia do respecto que debemos terlles os avogados aos xuíces e á inversa, Emilio sempre foi considerado un compañeiro co que se podía tomar un café mentres se comentaban as particularidades do dereito ou o simple devir da vida.

Emilio fixo no mes de xullo dezaoito anos á fronte do Xulgado. Viu sen dúbida pasar polas súas mans múltiples litixios, avogados, xuíces, funcionarios, así como cidadáns que sinxelamente solicitaban xustiza. Estou convencido de que uns e outros aprenderon moito da súa condición de xurista e de persoa. A súa marcha pódenos causar unha sensación de baleiro, pero en todo caso, xa que é para mellorar profesionalmente, debémonos alegrar, malia que a súa ausencia -non como persoa, xa que seguiremos relacionados con el, senón como xuíz- será difícil de substituír.

Dicía ao principio destas liñas que pola miña condición de Decano tiven tamén a oportunidade de ter conversacións con Emilio. Moitas veces queixámonos os avogados e con moita razón de que algún xuíz pode chegar a menosprezar a importante función que desenvolvemos os que nos dedicamos a esta profesión. Pódovos dicir que Emilio non é deses, todo o contrario, sempre mantivo admiración polos letrados e polo noso labor, mantendo ese respecto ao que facía tamén mención anteriormente. Dende o Colexio e dende a Escola de Práctica Xurídica pediuse a súa colaboración en múltiples ocasións, e sempre accedeu sen o mínimo problema.

Emilio, grazas en nome de todas as letradas e letrados do Colexio de Avogados de Santiago. Perdemos un grande xuíz en Santiago, pero seguro que mantemos un amigo. E como sei, xa que moitas veces o mencionas nas nosas conversacións, ese agradecemento, e perdón polo atrevemento, seguro que sería extensible por parte dun compañeiro, que ti sempre admiraches, refírome a Carlos Ogando.

Evaristo Nogueira Pol

Inicio


Informes de Honorarios

IMPUGNACIÓN: Taxación de Custas

“A maioría das impugnacións que resultaron excesivas son motivadas por erros á hora de interpretar as Normas, sobre todo na cuestión de aplicación do IPC, e tamén en canto á fixación da contía do procedemento..”

ando a taxación de custas se impugna por considerar excesivos os honorarios dos avogados, oirase no prazo de cinco días ao avogado de que se trate e, se non aceptase a redución de honorarios que se lle reclame, pasarase testemuño dos autos, ou da parte deles que resulte necesaria, ao Colexio de Avogados para que se emita informe (art. 246.1 da Lei de axuizamento civil).

O Estatuto General de la Abogacía no seu artigo 53.i) atribúelle á Xunta de Goberno a competencia para emitir informes, ditames ou consultas sobre honorarios, cando os tribunais pidan o seu ditame de acordo co disposto nas leis ou cando o soliciten os colexiados minutantes.

Este Colexio de Avogados de Santiago de Compostela está tramitando entorno a 60 expedientes de impugnacións de honorarios por excesivos ao ano. O procedemento que se segue é o seguinte:

O xulgado que tramita a impugnación da taxación de custas envíalle ao Colexio un testemuño dos autos. A Secretaría Técnica do Colexio estuda os devanditos autos para determinar aspectos como a contía do asunto, a actuación do letrado, as fases do procedemento, etc., e elabora unha nota técnica que se presenta á Xunta de Goberno (que se reúne cada 15 días), que, baseándose nesta nota técnica e á vista dos autos, aproba o correspondente informe que lle será remitido ao xulgado.

O devandito informe, tal e como marca a lexislación vixente, non é vinculante para o xuíz.

O Colexio, co propósito de evitar as impugnacións infundadas e as manobras dilatorias que unicamente perseguen o atraso no pagamento das custas, cobra unhas taxas pola emisión destes informes, que serán dun 2% da minuta resultante, cun mínimo de 60 euros e un máximo de 300 euros, e que deberá aboar, de acordo cos Estatutos deste Ilustre Colexio de Avogados, o letrado impugnado se a minuta fose reducida en máis dun 20%; no caso contrario sería a cargo do impugnante.

O artigo 63.1.d) do Estatuto General de la Abogacía establece que constitúen recursos ordinarios dos colexios de avogados os dereitos que fixe a Xunta de Goberno de cada colexio por emisión de ditames, resolucións, informes ou consultas que evacúe esta sobre calquera materia, incluídas as referidas a honorarios, a petición xudicial ou extraxudicial.

Nestes primeiros cinco meses do ano 2007 tramitáronse 27 expedientes de informes de minutas, dos que se informaron como minutas correctas un total de 12, pola contra, considereronse excesivas as 15 restantes.

A maioría das impugnacións que resultaron excesivas son motivadas por erros á hora de interpretar as Normas, sobre todo na cuestión de aplicación do IPC, e tamén en canto á fixación da contía do procedemento.

Manuel Árza.
Secretario Técnico. ICA Santiago

Inicio


Xornada: “A intervención da Garda Civil de Tráfico nos accidentes con danos materiais”

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela en colaboración coa Agrupación de Tráfico da Coruña organizou o pasado 23 de abril unha xornada titulada “A intervención da Garda Civil de Tráfico nos accidentes con danos materiais”.

Nesta xornada, que se levou a cabo no salón de actos do ICA Santiago, tratouse a actuación e intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico nos accidentes onde só se producen danos materiais e, sobre todo, de que xeito se documentan estes feitos nos procedementos da xurisdición civil.

Cando se produce un accidente deste tipo, os axentes documentan as súas actuacións nun documento denominado ARENA, que forma parte da base de datos estatísticos de accidentes da Dirección Xeral de Tráfico. Este documento é reclamado polas partes para formular as reclamacións que procedan en defensa dos seus dereitos, ben ante as administracións públicas, ben ante os órganos de xurisdición civil. É neste último caso cando os procedementos motivan a miúdo a citación dos axentes para prestar a súa declaración nas vistas correspondentes. Non obstante, detectouse que en moitas ocasións estas citacións refírense á comparecencia de axentes cuxa intervención no documento ARENA foi unicamente a do traspaso de datos no aplicativo e, noutros casos, aquelas comparecencias serven de pouco e poderían obviarse a través doutros procedementos de intervención.

O relatorio, que foi pronunciado por D. José Luis Ulla Rega, tenente coronel xefe do Sector da Garda Civil de Tráfico da Coruña, serviu para expoñerlle esta situación a todos os avogados deste Colexio que actúan normalmente no ámbito da xurisdición civil. Ademais de expoñerlles a situación actual e as posibles solucións, tamén os informou do alcance do documento ARENA e abríronse vías para facilitar a obtención dos devanditos documentos incluso a través do correo electrónico.

Inicio


Acto de xura dos novos letrados

pasado 24 de abril xurou o seu cargo un grupo de 16 novos letrados no acto que tivo lugar neste Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. Como padriños de honra oficiaron a cerimonia o propio decano do colexio, Evaristo Nogueira Pol; o xuíz-decano en funcións da capital galega, Emilio Fernández de Mata; o decano do Colexio de Procuradores, José Paz Montero, e como padriño de honra, José Antonio Vázquez Taín, quen acaba de incorporarse ao Xulgado do Penal número dous da Coruña.

Aínda que rompe coa tónica habitual das últimas promocións, a maior parte dos mozos que xuraron o seu cargo foron homes, xa que en tan selecto grupo só había dúas mulleres. Neste acto realizaron o xuramento os seguintes novos letrados e letradas:

  • Francisco Balirac Couceiro
  • José Basanta Collazo
  • Alejandro Otero Guldrís
  • Ignacio José Cardona Cid
  • Julio Jesús Quintáns Vázquez
  • Rubén Conles Torres
  • Martín Rabuñal Andrade
  • Alberto Fernández Bermúdez
  • Ángel Sánchez Seoane
  • Tania Fraga González
  • José Agapito Torrado Saborido
  • Eva María Gondelle Garazo
  • José Manuel Vales Raña
  • Isaac Javier Lemus Cibrán
  • Marcos Vilarelle Romay

Inicio


Normalización lingüística... Benvida!

  • Presentación da sección

Normalización Lingüística é o novo espazo dedicado á lingua galega dentro da revista Avogacía Compostelá. Esta sección, xestionada polo Servizo de Asesoramento Lingüístico, nace co obxectivo principal de contribuír á promoción e asentamento do uso normal da lingua galega por parte da avogacía compostelá.

A sección que hoxe presentamos achegaranos en cada número dous bloques principais que estarán centrados na formación lingüística e na difusión de artigos normalizadores. O primeiro acollerá a publicación dun artigo breve onde trataremos contidos específicos da lingua no ámbito do Dereito. Especialmente, incidiremos naqueles aspectos que acostuman presentar máis dificultades en relación coa linguaxe xurídica e, a modo de curso de formación, iremos analizando pequenas cuestións relacionadas co seu uso correcto, como poden ser o tratamento da terminoloxía xurídica, recomendacións estilísticas e de redacción, certos vicios gramaticais, etc., co fin de procurar unha maior calidade lingüística. Por outro lado, tamén publicaremos un artigo de divulgación sobre o uso da lingua galega e o proceso de normalización que está a vivir. Para iso, contaremos regularmente coa colaboración dalgún convidado/ a de relevancia no eido lingüístico e/ou xurídico.

Agardamos que esta sección sexa do seu interese e que contribúa a seguir avanzando no proceso normalizador que este Colexio de Avogados leva asumindo durante os últimos anos.

  • Servizo de Asesoramento Lingüístico

O Servizo de Asesoramento Lingüístico volve estar en funcionamento grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este servizo será o encargado de desenvolver un programa de actuacións en materia de normalización lingüística coa finalidade de conseguir estender o uso do galego entre a avogacía compostelá.

Algunhas das accións previstas para este ano son as seguintes:


Área de asesoramento: facilitar asesoramento lingüístico e terminolóxico ao persoal do Colexio e aos colexiados; tradución e mantemento do novo sitio web; creación dun servizo de asesoramento lingüístico en liña; publicar en galego a nova revista colexial.
Área de formación: realización dun curso de linguaxe xurídica (homologado por Política Lingüística).
Área de dinamización: lanzamento dunha campaña publicitaria; realización de xornadas sobre linguaxe xurídica.
Área de terminoloxía: tratamento de terminoloxía xurídica en colaboración co Termigal.

  • Linguaxe xurídica e normalización

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela é consciente da importancia do proceso normalizador do idioma galego entre a avogacía compostelá. Na actualidade, as letradas e letrados composteláns están a ser pioneiros á hora de se modernizar en todo tipo de cuestións inherentes ao exercicio da súa profesión de cara a ofrecerlles un servizo de alta calidade aos cidadáns que así o demandan. Con todo, os usos lingüísticos que ponderan nas diversas situacións comunicativas que se dan na actividade xurídica non gardan correspondencia co uso real da lingua por parte da cidadanía. Principalmente, detéctanse dúas tendencias neste distanciamento que afectan ao estatus e ao corpus da lingua. Por un lado, o alto grao diglósico presente neste ámbito, é dicir, a preferencia reitereda polo castelán como lingua de uso nas relacións formais propias dos rexistros máis elevados, co conseguinte detrimento do galego como lingua relegada a cotextos lingüísticos menos formais; por outro lado, o afastamento no plano do corpus que o tecnolecto xurídico acadou con respecto á linguaxe cidadá, que a miúdo deriva en problemas de comprensión entre unha e a outra.

A linguaxe xurídica é unha linguaxe de especialidade, é dicir, actúa coma vehículo de comunicación entre as persoas e os especialistas que traballan neste ámbito. Non obstante, cómpre termos en conta que o destinatario final do proceso comunicativo é o cidadán. Ultimamente podemos constatar unha tendencia a renovar, modernizar e unificar os criterios de estilo no conxunto de países da Unión Europea. Esta tendencia está relacionada directamente coa idea de que a Administración pública xunto cos axentes implicados nos seus procesos administrativos están ao servizo do cidadán, polo que é evidente que a linguaxe non pode ser críptica nin impropia para este destinatario.

Na actualidade, baixo o marco do Estatuto de Autonomía e da Lei de normalización lingüística, temos ante nós a posibilidade de devolverlle á lingua galega o prestixio e o espazo social que ata hai ben pouco sempre lle fora vedado. Esta oportunidade que hoxe en día ten o galego para penetrar no eido do dereito é democrática e xusta, tanto dende o punto de vista lingüístico coma social, mais para iso é indispensable o protagonismo alentador dunha avogacía galega que asuma de seu este papel. Somos conscientes das dificultades que isto supón, pero paga a pena intentalo.


Coordinación: Martín Ramos Insua
Servizo de Asesoramento Lingüístico • Colexio de Avogados de Santiago de Compostela
Teléfono: 981 581 713 • Fax: 981 581 132
Correo: linguista@icasantiago.org

Inicio

Páxina para imprimir








:Aviso legal: :Contactar co Colexio: :RAG:
:Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela: :Rúa Eduardo Pondal, 4: :15702 Santiago de Compostela: