Ante o abraiante éxito obtido no anterior número da revista, e atendendo
as reiteradas peticións dos lectores para que este espazo volvese
aparecer, convidamos outras tres personalidades do noso ámbito
profesional a contestar ao cuestionario, que vai camiño de converterse
nun clásico do xornalismo.
O próximo/a podes ser ti...
Nesta ocasión responderon ás nosas preguntas ANTONIO ROMA VALDÉS (fiscal), RITA GOIMIL
MARTÍNEZ (procuradora) e JAVIER SÁNCHEZ-AGUSTINO (avogado).
1. Unha de libros
- Cal foi o último libro (non xurídico) que
liches?
ANTONIO: Gabriel Tortella, Los orígenes del siglo XXI.
JAVIER: Ando interesado en descubrir quen di a verdade na
sarta de bobadas que a favor e en contra da teoría do cambio
climático se din ultimamente. Lin A vinganza da Terra do científico
inglés James Lovelock.
RITA: As metamorfoses de Ovidio, sempre vén ben repasar a
mitoloxía da man deste gran poeta latino.
- Que libro lle regalarías ao teu mellor amigo?
ANTONIO: Erasmo, Eloxio da loucura.
JAVIER: Vou pecar de inmodesto, regalaríalle o libro do que son
autor, titulado En 30.555 palabras.
RITA: O cazador de barcos, de Justin Scout, no que este escritor
estadounidense, gran coñecedor do mundo do mar e dos
barcos, nos relata unha vibrante historia de suspense que fixeron
que esta novela sexa a segunda máis lida no tema náutico
despois de Moby Dick.
- E ao teu peor inimigo?
ANTONIO: O código da Vinci.
JAVIER: Como seguro que le con dificultade, ocórreseme que
un infantil de Gloria Fuertes.
RITA: Seguindo a frase "ao inimigo nin auga", tampouco lle
regalaría un libro.
- Se só puideses salvar un libro da fogueira, cal
salvarías?
ANTONIO: Aínda que soe a tópico, O Quixote.
JAVIER: Rescataría o poema épico por excelencia, A Odisea de
Homero.
RITA: O Quixote.
2. Outra de cine
- En que película non puideches evitar quedar
durmido/a?
ANTONIO: Non me gustan as subvencionadas.
JAVIER: Botei un soniño na Caixa Kovac, pero tamén -e hoxe
sorpréndome- na primeira de Harry Potter.
RITA: Calquera telefilme do domingo pola tarde.
- Cal é a película que non te cansas de ver?
ANTONIO: Calquera do tipo A guerra das galaxias ou Kill Bill.
JAVIER: Ben-Hur. Téñoa gastada, repítoa completa, por escenas,
por diálogos... E non me resisto a comentar o momento no que
o cónsul Quinto Arrio moi impaciente intercede en defensa da
demostrada inocencia de Judah Ben-Hur ante o César, e este
facendo exhibición do poder do imperio interpélalle: "...Quinto
Arrio, Quinto Arrio, consentídenos ser xenerosos "...
RITA: Master and Commander, baseada nun libro de Patrick
O’Brian, dirixida por Peter Weir e protagonizada por Russell
Crowe, que nos conta a historia do capitán de navío británico,
Jack Aubrey, ao mando da Surprise. En 1805, cando os imperios
se gañaban no mar, recibe as ordes de capturar o buque insignia
da armada francesa, Aucheron, e perségueo polos mares do
sur e loita tamén contra as tempestades e motíns.
3. Historia
- Con que personaxe da Historia irías cear?
ANTONIO: Iría comer con Felipe II ou Alfonso X. A cear coa miña
señora.
JAVIER: Se mo permitisen, iría con dous: con Xulio César e
Cleopatra.
RITA: Con Leonardo da Vinci.
4. Arte
- Que obra de arte, monumento ou lugar emblemático
te deixa abraiado/a?
ANTONIO: A boa pintura de calquera época. Xa que teño que elixir,
¿vale Picasso?
JAVIER: A pregunta é para nota... Quedo cos xardíns de Versalles,
pero non podo deixar de dicir que moitas mañás me asombro
coa praza do Obradoiro.
RITA: As cores do outono na Serra do Caurel.
5. Música
- Cal é a música que consegue amansarte neses
“momentos fera”?
ANTONIO: Momentos fera, eu? Imposible. Ben, pois: clásica,
mellor en vivo, especialmente a ópera, mellor as versións antigas.
Tamén a música dos 80 (pop, rock, de todas as clases, que
máis dá, era xenial).
JAVIER: Recorro á "Entrada da Raíña de Saba" do Oratorio
Salomón de Handel no arranxo de Sir Thomas Beecham, tanto
se a fera xa emerxeu coma se necesito retroalimentación.
RITA. Calquera dos Smiths ou o "Boss".
6. Por último, viaxes
- Cal é a viaxe que fixeches que máis che gustou
e a que aínda non puideches facer, pero que
seguro que non perderás?
ANTONIO: A que fixen a Marrocos, e a que non hei perder Nova
York.
JAVIER: A que máis me gusta sempre é a última, este verán
alcancei o cume do pico máis alto do Sistema Central na Serra
de Gredos, "O Almanzor" de 2.596 metros. Espero que algún día
o orzamento me permita deixarme caer pola Polinesia: Illas Fidji
e Tahití, por exemplo, non estarían nada mal.
RITA: A que máis me gustou foi cruzar Marrocos en todoterreo
e a que non perderei será destino Nova Zelanda.