Presentación da campaña “Avogamos polo
galego” e xornada “Xustiza e Lingua,
reflexións para a normalización”
O pasado 8 de novembro tivo lugar a presentación da campaña
“Avogamos polo galego” no salón de actos do Colexio de
Avogados de Santiago de Compostela. Neste acto interviñeron o
decano do propio colexio, D. Evaristo Nogueira Pol, xunto coa
secretaria xeral de Política Lingüística, D.ª María Sol López Martínez.
Ambos os dous destacaron a importancia de contribuír á
normalización do noso idioma nun ámbito como o da avogacía e
a necesidade de ofrecer os medios necesarios para poder acadar
este reto.
Na campaña presentouse, entre outros materiais, un tríptico
informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego
e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza.
Outro dos produtos da campaña foi a presentación dun banner
que a partir dese día podemos ver na páxina web do colexio
(www.icasantiago.org) e que ademais todos os letrados e letradas
poderán levar tamén ás páxinas dos seus despachos. En canto á
súa incidencia, agárdase que a campaña chegue a todos os espazos
vinculados á xustiza na cidade compostelá, como son os despachos,
os xulgados e a Escola de Práctica Xurídica, entre outros.
A presentación desta campaña deu lugar ao desenvolvemento da
xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que
contou cunha ampla asistencia de profesionais do mundo da xustiza
e da lingua.
Os relatorios presentados nesta xornada trataron diferentes perspectivas
acerca do momento no que está inmerso a normalización
da lingua galega na xustiza.
Na primeira das sesións, que foi presentada e moderada polo secretario
do colexio, D. José Carlos García Cumplido, o profesor e catedrático
de Dereito Romano, D. Luis Rodríguez Ennes, fixo un percorrido
histórico polos distintos momentos que viviu o galego no
eido xurídico. Pola súa parte, o maxistrado, D. Xosé Xoán Barreiro
Prado, realizou unha interpretación dos principais preceptos legais
sobre os dereitos lingüísticos na Administración de xustiza.
A segunda sesión foi moderada polo decano do Colexio de
Avogados de Santiago, D. Evaristo Nogueira Pol, quen presentou
o seu homólogo de Vigo, D. Alfonso Álvarez Gándara. No seu relatorio,
o decano de Vigo abordou o comportamento dos poderes
públicos e dos profesionais do Dereito cara ao galego. Por último,
o profesor e sociolingüista, D. Xosé Henrique Monteagudo
Romero, ofreceu unha análise da situación de convivencia entre
as dúas linguas oficiais no mundo da xustiza en Galicia.
Os dous actos, que forman parte do programa de dinamización
lingüística que está a desenvolver o Servizo de Asesoramento
Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela,
teñen como finalidade incidir no fomento do uso do galego por
parte da avogacía de Compostela.
A linguaxe xurídica.
Recomendacións básicas de redacción
Velaquí presentamos unha serie de recomendacións xerais para mellorar a
redacción dos documentos xurídicos.
- A redacción debe ser clara, simple, precisa e ordenada.
Preferentemente, debemos empregar os verbos en voz activa, posto
que a voz pasiva adoita ser menos clara e máis complexa. Exemplo:
“O xuíz ditou a sentenza” (no canto de “A sentenza foi ditada polo
xuíz).
- Debemos reducir o uso de oracións impersoais e procurar sempre
o seu suxeito. Se o suxeito da acción é quen asina o documento,
usaremos a primeira persoa do singular ou, nalgúns casos, do plural.
Exemplo: solicito / solicitamos, certifico, comunícolle / comunicámoslle.
- Como recomendación xeral, é preferible respectar a orde lóxica
da oración: suxeito + verbo + complemento directo + complemento
indirecto + outros complementos. Exemplo: “A avogada expuxo
as súas alegacións perante o xuíz”. Asemade debemos ter en conta
que os complementos circunstanciais teñen unha mobilidade alta:
“Mañá terá lugar o acto” / “O acto terá lugar mañá” / “Terá lugar
mañá o acto”.
- Debemos evitar o emprego sistemático de abreviacións (siglas,
acrónimos, símbolos e abreviaturas). Cando estas non sexan de uso
común, debemos indicar a que palabras fan referencia a primeira
vez que aparezan. Exemplo: “Segundo a Lei de axuizamento civil
(LAC)”.
- O tratamento común de respecto é o de vostede. Debemos limitar
o uso de tratamentos honoríficos á documentación propia de
comunicacións solemnes e protocolarias, saúdas, invitacións, etc.
- Evitaremos a construción de oracións excesivamente longas con
exceso de subordinacións, posto que entorpecen a comprensión da
información.
- Fuxiremos do uso de palabras ou construcións que poidan resultar
ambiguas, superfluas ou redundantes. A linguaxe técnica debe
ser precisa. Exemplo: *querela criminal, *actualmente en vigor, *no
hipotético suposto.
- A lingua moderna debe erradicar o emprego de formas arcaicas
e termos estranxeiros innecesarios. Exemplo: “Suplico ao Xulgado
do Social” mellor “Solicito ao Xulgado do Social”; “Deberá remitir
por e-mail” mellor “Deberá remitir por correo electrónico”.
- En todo caso, debemos coidar a corrección gramatical en erros
frecuentes como a concordancia ou a elisión de preposicións, conxuncións
e artigos. Exemplo: “*A maioría dos imputados alegaron
[...]” no canto de “A maioría dos imputados alegou [...]”; “*Solicito
teña por presentado escrito” no canto de “Solicito que teña por
presentado este/o escrito”.
- Reduciremos, na medida do posible, as nominalizacións. A lectura
da nosa redacción será máis áxil e dinámica se substituímos os
substantivos por verbos. Exemplo: “[...] para o establecemento e
presentación das alegacións” mellor “[...] para establecer e presentar
as alegacións”.
- A tendencia ao emprego excesivo de tempos non persoais: infinitivo,
xerundio e participio. Estes tempos deben depender necesariamente
dun verbo principal conxugado. Exemplo: “*Ao respecto,
dicir que [...]” no canto de “Ao respecto, teño que/cómpre/debo dicir
que [...]”.
- O uso abusivo dos participios absolutos. Convén que non comecemos
os nosos escritos por un participio xa que dende o principio
quedaremos atados a un esquema de redacción obriga a subordinar
repetidamente a información; existen outras fórmulas alternativas,
como pode ser substituír este participio por unha frase temporal.
Exemplo: “Visto o escrito que presentou [...]” mellor “Logo de
ver o escrito que presentou [...]”.
- Debemos evitar a repetición da mesma información de xeito diferente
e en varios lugares do documento. Así mesmo, é preferible
que a información importante apareza ao comezo para que a interpretación
do contido sexa máis doada.
- O abuso das maiúsculas. Debemos evitar o emprego das maiúsculas
no corpo dos documentos con afán distintivo; para destacar
unha información é preferible usar a letra negra. Asemade recordamos
que os nomes dos cargos se escriben con iniciais minúsculas.
Exemplo: “O decano do Colexio de Avogados de Santiago de
Compostela”.
- A discriminación da linguaxe por motivo de sexo. Cando non
fagamos referencia a unha persoa concreta utilizaremos, sempre
que sexa posible, formas neutras, por exemplo avogacía (no canto
de avogados), funcionariado (no canto de funcionarios), a persoa
interesada (no canto de os interesados), etc. Cando se trate dun
cargo ou profesión de identidade coñecida, usaremos a forma
feminina se é unha muller. Exemplo: a xefa do Servizo de
Subvencións, a procuradora, etc. (no canto de o xefe do Servizo de
Subvencións, o procurador).