MARÍA MEDALLA MILAGROSA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ: Colexiada núm. 511 do ICA de Santiago, é unha das colexiadas con máis antigüidade do ICA de Santiago.
“Eu son produto dunha época na que as mulleres eramos educadas para casar e ter fillos. As que traballabamos fóra da casa eramos poucas, e con dobre xornada, por unha banda avogadas e por outra, nais de familia. E sempre tivemos certa querenza a non deixar desatendidas unhas cousas en detrimento das outras, o que nos supuxo un grande esforzo porque, ademais, os homes de entón non eran os homes de agora”
Que recordos garda da súa época universitaria? Entrei na universidade con 16 anos e con 21 xa tiña a titulación. Cando me licenciei, na miña promoción eramos cinco mulleres. Todas terminaron traballando fóra da casa, pero a única que se dedicou ao exercicio libre penso que fun eu.
Eramos poucos alumnos en xeral, nada que ver coa grande afluencia de xente que hai agora, que penso responde non só ao querer ter unha carreira senón a que tela facilita o acceso a un gran número de oposicións para as que antes non se esixía a licenciatura.
Sempre pensou en dedicarse ao exercicio?
Tiña claro que quería ser avogada, a pesar de que non tiña un contorno familiar relacionado co mundo da profesión. Pensei tamén na xudicatura, pero cando eu estudaba as mulleres non podiamos ser xuízas. Cando terminei a carreira si, pero non me animei a ser da primeira promoción de opositores a algo tan gordo, así que ao final optei polo que pensaba desde o principio, ser avogada con despacho. Antes de colexiarme fixen prácticas; a pasantía era a forma de aprender o oficio. Podíaste colexiar automaticamente cando terminabas a carreira, pero as persoas prudentes buscaban a posibilidade de facer prácticas cun avogado con experiencia -non había avogadas con experiencia para buscar- que chegado un determinado momento, segundo como te desenvolveses no traballo, aconsellábache colexiarte e exercía de padriño.
Como foron os comezos na profesión?
Cando eu empecei era raro que houbese mulleres na profesión. Eramos unhas doce colexiadas, a maioría das cales viñan de familias relacionadas coa profesión. No meu caso fíxoseme un pouco máis complicado.
Ao principio, ía presenciar os preitos dos demais, pasaba a mañá no xulgado vendo os compañeiros para aprender as técnicas, a mecánica, se se tiñan que colocar á dereita ou á esquerda…, esas cousas que de entrada te poden desorientar.
A xustiza era moito máis formalista, ías “de uniforme”, rigorosamente vestida de negro, camisa branca e garavata negra... que eu pronto cambiei polo lazo. En Santiago só tiñamos xulgado do civil e do penal e para social viña os luns un maxistrado da Coruña e vía todos os xuízos xuntos. Chamabámoslle “maxistrado itinerante”. No inverno, ás veces, había que suspender os xuízos porque a neve na estrada non deixaba que o maxistrado chegase.
“Os compañeiros máis clásicos dicíanche:
“Mellor que veña falar o teu xefe comigo” ou preferían negociar certas cousas entre homes... Despois afixéronse”
Tivo que pelexar por facerse un oco nun mundo que daquela era maioritariamente masculino?
A presenza de mulleres espertaba sobre todo curiosidade. Non sei se porque eramos mulleres ou porque eramos novas, ou polas dúas cousas, que resultaba unha combinación complicada naqueles tempos.
Os compañeiros máis clásicos dicíanche: “mellor que veña falar o teu xefe comigo” ou preferían negociar certas cousas entre homes... Despois afixéronse. O sistema de selección laboral tampouco era do máis ortodoxo, dicían que se podían namorar de ti e non te querían de pasante... e cousas así, pero dábaslle a importancia que lle querías dar.
Especializouse nalgún ámbito en concreto ou preferiu a figura do avogado que toca un pouco de todo?
A miña é unha formación sen especialización. Cando terminabamos a carreira supúñase que tiñamos que saber de todo. Eramos o que eu chamo “avogados de cabeceira”, que podían levar todos os asuntos dunha familia.
O que máis me interesou sempre foron os temas de familia. Creo que obedece a que eu son produto dunha época en que as mulleres non saiamos da casa, eramos educadas para casar e ter fillos. As que traballabamos fóra da casa eramos poucas, e a maioría con dobre xornada, por unha banda avogadas e por outro, nais de familia. E sempre tivemos certa querenza a non deixar desatendidas unhas cousas en detrimento das outras, o que nos supuxo un grande esforzo porque ademais os homes de entón non eran os homes de agora. Dalgún xeito somos fillas doutro tempo e a min tocoume estar un pouco dacabalo entre os dous, o tempo no que fun educada e no que me toca vivir. Supoño que por iso me chamou moito a atención o civil e o laboral no que afectaba ás familias. A lei do divorcio, por exemplo, foi un campo que abriu moito camiño ás mulleres profesionais porque moitas mulleres prefiren tratar de entrada con outras mulleres. As necesidades da vida tamén foron creando novos campos de actuación, por exemplo o tema da violencia de xénero que manexan fundamentalmente mans femininas.
Tamén levei a asesoría de estudantes da universidade, e traballei en cuestións de inmigración, sobre todo de galegos retornados; colaborei cunha asociación de mulleres un tempo e traballamos nun programa de axuda ás mulleres retornadas.
Non me dediquei moito ao administrativo nin á Facenda, fago as miñas declaracións e os pagamentos fraccionados, ou sexa, que a Facenda doméstica manéxoa pero con problemas maiores non me meto.
Dediqueime un tempo á política, fun unha das primeiras concelleiras da primeira promoción democrática en Santiago.
Prefire o despacho xeralista ao especializado?
Hoxe estamos na vía das especialidades. Os despachos son múltiples con especialidade en temas concretos, moitos deles con proxeccións europeas con grandes multinacionais.
Creo que é un camiño que se está abrindo e que hai que ter en consideración porque se manexa moito capital e é un campo no que aínda os despachos son máis masculinos que femininos e creo que se cadra conviña moverse nel.
O meu é máis de andar pola casa, máis de cabeceira.
Avogado individual ou despacho
colectivo?
Eu traballei 14 anos traballando nun despacho con máis xente ata montar o meu propio despacho. Ten os seus proles e os seus contras. O despacho colectivo pon uns medios á túa disposición que se cadra doutro xeito non te podes permitir, porque nun despacho individual todo recae nas túas costas, aínda que tamén traballas ao teu aire, ao teu ritmo, decides que dirección queres darlle ás cousas… iso si, require tempo e paciencia. Se queres unha profesión, menos de catro ou cinco anos non che vai levar, e se a queres un pouco asentada, bótalle dez, que son os anos que normalmente necesita un comercio para asentarse; ou sexa, que obedece a unha lóxica profesional que coincide case sempre en todos os casos.
Cando terminabamos a carreira supúñase que tiñamos que saber de todo. Eramos o que eu chamo “avogados de cabeceira”
Que cambios destacaría na profesión nestes anos?
Entre que eu me licencio e a actualidade prodúcese unha fractura coa Constitución española e o cambio total da lexislación. Iso implicou unha aprendizaxe continua para estar sempre ao día. Outro gran cambio foi a irrupción nos despachos das novas tecnoloxías. Eu tiven que facer un curso para aprender a manexarme dentro do despacho.
Todo é unha continua aprendizaxe. A miña filla, que acaba de colexiarse, traballa comigo, o que é unha gran vantaxe porque máis á última está ela ca min.
Que é o máis e o menos agradecido da profesión?
Logo de tantos anos colexiada, podo dicir que puiden vivir deste traballo, faime ilusión ser avogada de familia e resulta moi gratificante ter unha clientela que mantiveches no tempo, xeracións dunha mesma familia que se fía de ti, cousa que hoxe non é fácil porque deseguido piden explicacións e responsabilidades.
E o peor son algúns que pretenden saber máis ca ti desde o principio. Pero a eses, á idade que eu teño, xa os sabes manexar. O que hai que facer é unha valoración xeral. Se ves que todo che sae mal, plantas, se ves que tes máis acertos que fracasos segues para adiante.
“Toda situación na que o máis débil estea suxeito ao máis forte, sexa pola razón que sexa, é algo polo que paga a pena loitar”
Despois, cada avogado ten as súas armas e as súas técnicas. Eu son moi amiga de levar documentos, papeis, informes... Había un refrán na miña época que dicía que “cando hai papeis, calan barbas”.
E non debemos esquecer que entre nós seguimos tendo o deber de axudarnos uns aos outros.
A QUEN ADMIRA. Profesionalmente admiro a xente que vai co que cre que é a verdade aos xulgados, aínda que logo non o dea demostrado.
E persoalmente admiro a xente que chega ao que eu non son capaz de chegar.UNHA INXUSTIZA POLA QUE LOITAR. Inxustizas hai moitas. O desequilibrio que hai entre os que viven ben e os que non poden nin vivir, e non só no plano máis elemental de comer ou ter unha educación ou unha sanidade mínimas, que debería ser innegociable para todos, senón a outros niveis tamén: xente que a oprimen, que na súa casa sofre sen ter que sufrir porque hai un prepotente que lles intenta estragar a vida. Toda situación na que o máis débil estea suxeito ao máis forte, sexa pola razón que sexa, é algo polo que paga a pena sempre loitar.
UNHA META PENDENTE. Sempre quixen dúas cousas na vida, ter unha familia, que afortunadamente teño, e ter un bo despacho con xente preparada e amplo. O da amplitude aínda está pendente.
UNHA DEBILIDADE OU PAIXÓN CONFESABLE. Escribir. De cando en vez escribo sobre cousas da vida, por exemplo sobre a transición política que me colleu de cheo, e conto como vivía neses momentos unha moza coma min, recentemente licenciada, que pretendía facerse camiño nun campo profesional onde estaba moi pouco representada a muller. Son vivencias dunha época da que fun testemuña presencial e de primeira liña. Algún día dareime a coñecer, pero polo de agora sempre escribo con pseudónimo.
![]() |
:Aviso legal: | :Contactar co Colexio: | :RAG: |