| Colexiados/as exercentes Colexiados/as non exercentes Se pertence a outro colexio | Exercicio da avogacía en España por extranxeiros Alta e baixa |
No caso de incorporarse como letrados/as exercentes por conta allea deben achegar certificación da súa empresa, que acredite que o/a letrado/a está contratado/a como avogado/a con dedicación exclusiva, e o número de afiliación ao Réxime Xeral da Seguridade Social do letrado.
Existe un convenio coa Seguridade Social polo que os/as colexiados/as poden darse de alta no Réxime Xeral.
Exercicio da avogacía en españa por extranxeiros
O Estatuto xeral da avogacía española, no seu artigo 17.1, dispón que os avogados e avogadas doutros países poderán prestar os seus servizos profesionais en España conforme á normativa vixente para o efecto. A devandita normativa distingue dous grupos:
a) As persoas nacionais de estados membros da Unión Europea e dos distintos estados signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo subscrito no Porto o 2 de maio de 1992 e ratificado por España o 26 de novembro de 1993.
De acordo coa libre circulación de persoas e servizos entre os estados membros da Unión Europea, está prevista a coexistencia de distintas posibilidades:
a.1) O exercicio profesional de forma permanente co título profesional de orixe, coa posible posterior integración na profesión transcorridos tres anos de exercicio efectivo e regular.
a.2) O recoñecemento do título profesional de orixe, co fin de acceder ao exercicio nas mesmas condicións que os que obtivesen o título español.
a.3) A prestación ocasional de servizos profesionais co título profesional de orixe.
a.4) Quen non estea habilitado no seu país de orixe para o exercicio da profesión e, non obstante, estea en posesión do título esixido para o acceso a esta, poderá solicitar a homologación do título, en caso de tratarse de título estranxeiro, e proceder posteriormente á incorporación nun colexio de avogados de España.
b) As persoas non nacionais dun estado membro da Unión Europea ou parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.
Para a incorporación a un colexio de avogados de España, deberán proceder en primeiro termo e, en caso de tratarse de título estranxeiro, á súa homologación. Posteriormente, haberán de solicitar a dispensa legal de nacionalidade.
Quedan exentos do trámite de solicitude da dispensa legal de nacionalidade, os familiares dos cidadáns dos estados membros do Espazo Económico Europeo detallados no artigo 3.2 do Real decreto 240/2007, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns dos estados membros da UE e doutros estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (BOE 51, do 28 de febreiro).
a.1) EXERCICIO PERMANENTE EN ESPAÑA CON TÍTULO PROFESIONAL DE ORIXE
Os avogados e avogadas nacionais doutros estados membros da Unión Europea ou partes do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, teñen dereito a exercer de forma permanente a súa actividade profesional en España co seu título profesional de orixe.
Unha vez transcorridos tres anos de actividade efectiva e regular en España co seu título profesional de orixe, poderán solicitar e obter a integración na profesión sen necesidade de tramitar o recoñecemento do seu título profesional.
Exercicio
Para que unha persoa habilitada para o exercicio da actividade profesional de avogado nun estado membro da Unión Europea ou parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo poida exercer en España de forma permanente a devandita actividade co seu título profesional de orixe, por conta propia ou allea, en forma individual ou en grupo, deberá obrigatoriamente inscribirse nun colexio de avogados.
A inscrición debe ser previa á realización da actividade, e farase ante o colexio de avogados correspondente ao domicilio profesional único ou principal no territorio español.
A inscrición efectúase cubrindo unha solicitude, facilitada polo colexio de avogados correspondente, que conterá como mínimo os seguintes datos:
Os colexios de avogados deben resolver motivadamente sobre as solicitudes de inscrición no prazo máximo de dous meses, transcorrido o cal se considerarán admitidas.
Poden esixir o aboamento de cotas de inscrición, sempre que non sexan superiores ás esixidas con carácter xeral aos/ás solicitantes con título español e sempre que resulten adecuadas ao mantemento das cargas colexiais en proporción aos servizos dos cales poden beneficiarse os avogados/as inscritos/as.
Os colexios de avogados deben levar un rexistro independente destes profesionais que exercen en España co seu título profesional de orixe; deben publicar os seus nomes xunto aos dos seus colegas exercentes con título español e deben comunicarlle as inscricións ao Consello Xeral da Avogacía Española.
Os avogados e avogadas inscritas poden desempeñar as mesmas actividades profesionais que os avogados ou avogadas que exerzan con título español e quedarán sometidos/as ás mesmas regras profesionais e deontolóxicas que rexen para estes/as, pero con certas limitacións:
Os avogados e avogadas que exercen en España co seu título profesional de orixe, están obrigados/as a facelo con mención expresa de tal circunstancia e utilizando a denominación que lles corresponda e, de ser o caso, engadindo o país de orixe.
Bélxica: Avocat/Advocaat/Rechtsanwalt.
Dinamarca: Advokat.
Alemaña: Rechtsanwalt.
Grecia: Dikigoros.
Francia: Avocat.
Irlanda: Barrister/Solicitor.
Italia: Avvocato.
Luxemburgo: Avocat.
Países Baixos: Advocaat.
Austria: Rechtsawalt.
Portugal: Advogado
Finlandia: Asianajaja/Advokat.
Suecia: Advokat.
Reino Unido: Advocate/Barrister/Solicitor.
Islandia: Lögmaöur.
Liechtenstein: Rechtsanwalt.
Noruega: Advokat.
Integración na profesión
En calquera momento posterior ao transcurso de tres anos contados a partir da formalización da inscrición no colexio de avogados español correspondente, os avogados/as que acrediten o exercicio efectivo e regular da actividade propia da avogacía poderán solicitar a incorporación ao devandito colexio.
Unha vez presentada a solicitude, acompañada de cantos documentos, informacións e aclaracións se consideren pertinentes, o colexio de avogados adoptará no prazo de tres meses unha resolución, ben denegando a colexiación, ben integrando ao solicitante na avogacía española ou ben esixíndolle unha entrevista por considerar insuficiente a actividade efectiva e regular en materias relativas ao Dereito español.
No suposto de realizarse a entrevista, esta terá a finalidade de verificar o carácter efectivo e regular da actividade exercida, tomando en consideración toda a información e documentación achegada en relación cos coñecementos e experiencia profesional en Dereito español e a súa participación en cursos e seminarios relativos ao devandito Dereito.
No suposto de denegación da colexiación, xa sexa por considerar non acreditado o exercicio profesional regular e efectivo en España durante tres anos ou pola concorrencia de motivos de orde pública, o interesado/a poderá seguir exercendo en España baixo a súa condición de avogado/a inscrito/a e poderá, así mesmo, tramitar o recoñecemento do seu título profesional.
No suposto de integración na profesión, o interesado/a formalizará sen máis a súa colexiación e pasará a ter a condición de avogado para todos os efectos, equiparándose plenamente aos avogados/as exercentes con título español.
Normativa:
Real decreto 936/2001, do 3 de agosto, polo que se regula o exercicio permanente en España da profesión de avogado/a con título profesional obtido noutro estado membro da Unión Europea.
Directiva 98/5/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de febreiro de 1998, destinada a facilitar o exercicio permanente da profesión de avogado/a nun estado membro distinto daquel en que se obtivese o título.
a.2) ACCESO Á PROFESIÓN MEDIANTE RECOÑECEMENTO DE TÍTULO
Os avogados e avogadas nacionais dos Estados membros da Unión Europea e doutros estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo que, carecendo do correspondente título español estean, en cambio, en posesión do título esixido en calquera dos devanditos estados para o acceso á profesión da avogacía, poderá instar o recoñecemento do seu título co fin de acceder ao exercicio da profesión en España nas mesmas condicións que aquelas persoas que obtivesen o título español.
Naqueles casos en que o exercicio pretendido esixa un coñecemento preciso do Dereito español e nos que un elemento esencial e constante do exercicio da actividade profesional sexa a asesoría e/ou asistencia relativa ao Dereito español, cabe impoñerlle á persoa solicitante a realización previa dunha proba de aptitude para autorizar o exercicio da profesión.
Excepcionalmente, cando á vista da documentación achegada e, de ser o caso, a experiencia adquirida e debidamente xustificada en España polo solicitante, resulte notorio o coñecemento suficiente do Dereito español, recoñecerase o título sen necesidade de superar a proba de aptitude.
O recoñecemento do título
O procedemento de recoñecemento do título iníciase mediante a solicitude do interesado, dirixida ao Ministerio de Xustiza e acompañada da seguinte documentación:
É necesario facer constar a duración dos estudos, as áreas de coñecemento e materias cursadas e, a ser posible, a carga lectiva ou unidades de valoración destas.
No caso de dúbida razoable, requirirase unha certificación expedida pola autoridade competente do Estado de orixe na que na que se acredite que o/a solicitante é un/ha profesional e que non está inhabilitado/a.
Corresponde á Secretaría de Estado de Xustiza examinar a documentación achegada, requirirlle á persoa interesada canto necesite e solicitar das autoridades do Estado de orixe e do Ministerio de Educación e Ciencia cantos informes considere convenientes.
O Ministerio de Xustiza, no prazo de catro meses dende a presentación da documentación completa, adoptará unha resolución. A devandita resolución conterá algúns dos seguintes pronunciamentos:
A proba de aptitude
A Secretaría de Estado de Xustiza convocará, polo menos unha vez ao ano, a realización das probas de aptitude para avogados/as, mediante a inserción do oportuno anuncio no Boletín Oficial do Estado.
O contido da proba abrangue as seguintes materias propias do ordenamento xurídico español:
A proba consiste na resolución dun caso práctico, que versará sobre un tema elixido de entre as materias mencionadas, que deberá ser lido ante a comisión de avaliación. Seguidamente, poderase abrir unha quenda de preguntas sobre o obxecto da proba, así como acerca da organización xudicial española e a deontoloxía profesional.
A comisión de avaliación cualificará a aptitude da persoa solicitante para o exercicio profesional en España, en termos de "apto/a" ou "non apto/a".
Cando a persoa interesada obteña a cualificación de "apto/a", permitiráselle o exercicio da profesión logo do cumprimento dos requisitos de colexiación.
O interesado ou interesada que obteña a cualificación de "non apto/a", poderá repetir a proba en convocatorias sucesivas.
Máis información: Ministerio de Xustiza. Oficina Central de Información
Rúa San Bernardo 45, 28045 Madrid
Teléfono: 91 390 45 00
Teléfono da unidade responsable da tramitación: 913 902 454
www.mjusticia.es
Normativa:
Orde do 30 de abril de 1996 (Ministerio de Presidencia) que desenvolve o Real decreto 1665/1991, do 25 de outubro.
Real decreto 1665/1991, do 25 de outubro, sobre recoñecemento de títulos de ensino superior de nacionais de estados membros que esixan unha formación superior mínima de tres anos.
Directiva 89/48/CEE do Consello do 21 de decembro de 1988, relativa a un sistema xeral de recoñecemento dos títulos de ensino superior que sancionan formacións profesionais dunha duración mínima de tres anos.
a.3) PRESTACIÓN OCASIONAL DE SERVIZOS
Os avogados e avogadas nacionais dos estados membros da Unión Europea ou partes do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo establecidos con carácter permanente en calquera dos devanditos estados, poderán desenvolver libremente actividades de avogados/as en España en réxime de prestación ocasional de servizos, utilizando para iso o seu título profesional expresado na lingua do estado do que proceden.
Para iso, os avogados e avogadas visitantes deben presentarse ante o colexio de avogados correspondente ao territorio en que vaian prestar os seus servizos e facilitar o seu nome e apelidos, título profesional posuído, enderezo do seu despacho permanente, a organización profesional á que pertence, o seu enderezo durante a permanencia en España e, de ser o caso, nome, apelidos e domicilio do avogado ou avogada coa que actuará concertadamente. Ademais, facilitará unha declaración de non estar incurso/a en causa de incompatibilidade nin de ser obxecto de sanción ningunha con efectos sobre o exercicio profesional.
A prestación ocasional de servizos comprende a consulta, o asesoramento xurídico e a actuación en xuízo. Os avogados/as visitantes non poderán desempeñar labores que entrañen o exercicio dunha función pública ou que sexan incompatibles co carácter ocasional dos seus servizos.
Para as actuacións ante xulgados ou tribunais ou ante organismos públicos, a asistencia a detidos ou presos e as comunicacións con presos e penados, o avogado ou avogada visitante deberá concertarse cun avogado/a inscrito no colexio en cuxo territorio vaia actuar.
Os avogados ou avogadas visitantes quedan sometidos/as ao réxime disciplinario dos avogados/as españois e exercerán as actividades relativas á representación e defensa ante órganos xurisdicionais e organismos públicos nas mesmas condicións que os avogados/as españois, respectando as regras profesionais españolas, sen prexuízo das obrigas que incumban no Estado de orixe.
Para o exercicio das restantes actividades, o avogado/a visitante quedará sometido ás condicións e regras profesionais do Estado de orixe, sen prexuízo do respecto das regras que rexen a profesión en España, especialmente as que regulan a incompatibilidade, o segredo profesional, as relacións de compañeirismo, as prohibicións e a publicidade. Estas regras non serán aplicables máis que se poden ser observadas por un avogado/a non establecido en España e só na medida en que a súa observancia se xustifique obxectivamente para asegurar o exercicio correcto da actividade de avogado/a, a dignidade da profesión, o respecto ás incompatibilidades e o cumprimento das súas obrigas fiscais.
Normativa:
Real decreto 607/1986, do 21 de marzo, de desenvolvemento da Directiva do Consello das Comunidades Europeas do 22 de marzo de 1977, encamiñado a facilitar o exercicio efectivo da libre prestación de servizos dos avogados, modificado polo Real decreto 1062/1988, do 16 de setembro.
Real decreto 1062/1988, do 16 de setembro, polo que se modifica o Real decreto 607/1986, do 21 de marzo, de desenvolvemento da Directiva do Consello das Comunidades Europeas do 22 de marzo de 1977, encamiñada a facilitar o exercicio efectivo da libre prestación de servizos polos avogados.
Directiva 77/249/CEE, do 22 de marzo de 1977, dirixida a facilitar o exercicio da libre prestación de servizos polos avogados.
a.4) A HOMOLOGACIÓN DE TÍTULOS ESTRANXEIROS
A homologación de títulos estranxeiros supón o recoñecemento en España da validez oficial para os efectos académicos dos títulos obtidos no estranxeiro.
A solicitude de homologación presentarase no modelo publicado para o efecto e ante o Ministerio de Educación e Ciencia, acompañada da seguinte documentación:
1. Copia compulsada do documento que acredite a identidade e nacionalidade da persoa solicitante. No caso de cidadáns españois, copia compulsada do documento nacional de identidade.
2. Copia compulsada do título cuxa homologación se solicita ou da certificación acreditativa da súa expedición.
3. Copia compulsada da certificación académica dos estudos realizados pola persoa solicitante para a obtención do título, na que consten, entre outros extremos, a duración oficial, en anos académicos, do plan de estudos seguido, as materias cursadas e a carga horaria de cada unha delas.
Estes documentos permanecerán no expediente de homologación, como parte integrante deste, unha vez finalizado o procedemento.
Poderase completar a documentación cun currículo académico e científico. Ademais, poderanse requirir outros documentos que se consideren necesarios para a acreditación da equivalencia entre a formación conducente á obtención do título estranxeiro achegado e a que se esixe para a obtención do título español co que se pretende homologar.
Os documentos expedidos no estranxeiro, polas autoridades competentes para iso, deberán ser oficiais, presentarse legalizados por vía diplomática ou, de ser o caso, mediante a apostila do Convenio da Haia (salvo no caso de documentos expedidos por autoridades de estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo), e deberán ir acompañados, de ser o caso, da súa correspondente tradución oficial ao castelán.
Requisitos formativos complementarios
Cando se detecten carencias na formación acreditada para a obtención do título estranxeiro, en relación coa esixida para a obtención do título español co que se pretende homologar cuxa entidade non sexa suficiente para denegar a homologación, esta quedará condicionada á previa superación polo interesado/a duns requisitos formativos complementarios.
A homologación poderá condicionarse á superación dunha proba de conxunto, de carácter xeral ou específico, sobre aqueles coñecementos básicos da formación española requiridos para a obtención do título.
A proba realizarase na universidade pública española que libremente elixa a persoa interesada e que teña implantados os estudos conducentes á obtención do correspondente título español.
O interesado ou interesada disporá dun prazo de dous anos, dende a notificación da homologación condicionada, para superar a proba de conxunto esixida. A partir dese momento, só se poderá solicitar a validación de estudos parciais.
Normativa:
Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior.
ORDE ECI/3686/2004, do 3 de novembro, pola que se ditan normas para a aplicación do Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos estranxeiros de Educación Superior.
Orde do Ministerio de Educación e Ciencia, do 21 de xullo de 1995, pola que se establecen os criterios xerais para a realización de probas de conxunto previas á homologación de títulos estranxeiros de Educación Superior.
Máis información: Ministerio de Educación e Ciencia
Rúa Alcalá, 36, Madrid 28071
Teléfono 902 218 500
www.mec.es
b) A DISPENSA LEGAL DE NACIONALIDADE
A dispensa legal de nacionalidade solicítase mediante escrito dirixido ao Excelentísimo Señor Ministro de Xustiza, indicando o colexio en que se desexa a incorporación e achegando a seguinte documentación:
Unha vez entregada toda a documentación para solicitar a alta, tramitarase na Xunta de Goberno seguinte, que se reúne cada 15 días. De acordar a Xunta de Goberno a alta, esta comunicaráselle ao/á novo/a colexiado/a por escrito, e remitiráselle o nº de colexiado/a e o seu carné profesional.
Para solicitar a baixa como colexiado/a só ten que remitir unha solicitude por escrito á secretaría do Colexio dirixida ao decano ou á Xunta de Goberno.
![]() |
:Aviso legal: | :Contactar co Colexio: | :RAG: |