Web oficial do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela - Galicia - Spain

Men Vertical en acorden con jQuery

>>Regulamento

ARTIGO 1.

A dirección e a administración da Biblioteca correspóndenlle á Xunta de Goberno e, por delegación desta, exerceraas o Bibliotecario de conformidade co establecido nos Estatutos deste Colexio.

ARTIGO 2.

A Biblioteca prestaralles gratuitamente aos colexiados e outros usuarios que autorice a Xunta de Goberno un servizo de lectura, así como a consulta de CD-Rom, Internet e outro tipo de materiais especiais, que se realizará tras a petición previa ao responsable da Biblioteca, e poderase limitar o tempo de duración das sesións en función das demandas existentes. En Internet só se poderán consultar páxinas de información ou os correos electrónicos, non está permitido o "chat" e queda totalmente prohibida a copia en soporte informático das bases de datos e material especial que consta na Biblioteca. Do servizo de préstamo de libros, soamente serán beneficiarios os colexiados.

Esta gratuidade ten excepción nos servizos de préstamos interbibliotecario, impresión de buscas e listados, reprodución de fondos e outros que poidan establecerse.

Os usuarios da Biblioteca en ningún caso poderán retirar nin repoñer, persoalmente, ningún exemplar dos estantes, para evitar desordenar os fondos en función da súa catalogación.

ARTIGO 3.

O servizo de lectura facilitarase na sala destinada para tal efecto, todos os días laborables, excepto o mes de agosto, por vacacións do persoal.

ARTIGO 4.

Durante o horario en que a Sala de lectura permaneza aberta, que será determinado pola Xunta de Goberno, os letrados e outros usuarios poderán concorrer a esta e solicitar os libros e material especial que desexen, que reintegrarán ao retirarse. En ningún momento poderán sacarse libros nin material deses recintos, sen que se asinen os rexistros destinados para tal finalidade.

ARTIGO 5.

Prohíbese fumar na Sala de lectura. Tampouco se permitirá ningunha conversación que moleste o distraia aos demais usuarios, así coma o uso de teléfonos móbiles.

ARTIGO 6.

Préstamos de documentos: Obter un libro ou outro fondo propiedade do Colexio en préstamo, implica sacalo dos locais da Biblioteca, facerse cargo por un período de tempo determinado da súa conservación e devolvelo dentro do prazo establecido no momento do préstamo en que se obtivo. Polo tanto, mediante o servizo de préstamo, os colexiados poderán sacar fóra das salas de lectura da Biblioteca e do recinto do Colexio, os volumes que soliciten, para o que se seguirán as normas seguintes:

  • Para utilizar o servizo de préstamo é imprescindible rexistrarse como usuario e obter o correspondente número de usuario.
  • Serán susceptibles de solicitude todos os libros existentes, excepto aqueles que constitúan coleccións ou teñan carácter de consulta frecuente, obras de referencia, publicacións periódicas, fondos antigos, legados, manuscritos, obras en mal estado de conservación, así como libros e documentos esgotados ou de difícil reposición. En ningún caso se establecerá o servizo de préstamo para os documentos en CD-Rom ou outro material especial.
  • Ningún colexiado poderá solicitar, nin por conseguinte extraer da Biblioteca, máis de tres exemplares á vez, nin sucesivamente, sen efectuar antes a devolución dos que tivese no seu poder.
  • Os libros solicitaránselle ao encargado do servizo, tras a subscrición previa da correspondente petición, que servirá de recibo.
  • Os libros que se extraian non poderán permanecer fóra da Biblioteca máis de cinco días naturais, ao termo dos cales serán devoltos. Excepcionalmente, poderá autorizarse a renovación do prazo por cinco días, tras a solicitude previa que deberá formularse como máis tarde, o día que venza o primeiro e coas mesmas formalidades da petición inicial.
  • Os libros exceptuados de préstamo ordinario, poderán ser obxecto de préstamo durante a fin de semana, entendendo por tal desde as 19:00 horas do venres ata as 10:00 horas do luns seguinte.
  • Os libros extraídos da Biblioteca, facendo uso do servizo circulante, deberán ser devoltos no mesmo estado de conservación en que foron recibidos. En caso de deterioro, o colexiado causante deste estará obrigado ao pagamento da súa restauración ou reposición, a xuízo da Xunta de Goberno; e se se extraviase, o prezo que se encontre na praza, ou o que custase, se houbese que solicitarllo á editorial. De ser imposible a reposición, a Xunta de Goberno adoptará o acordo que máis conveña segundo os intereses da Corporación.


ARTIGO 7.

Reservas: Poderanse solicitar obras que en un momento dado estean prestadas, e pasará o colexiado a formar parte da listaxe de espera. Cando a reserva non se retire o primeiro día hábil seguinte ao de ser comunicada, quedará cancelada.

ARTIGO 8.

Incumprimento das normas: Os libros e demais fondos obtidos en préstamo deberán devolverse dentro do prazo establecido no presente Regulamento. A demora na devolución será obxecto de sanción:

  • A partir do primeiro día de demora cursarase a 1ª reclamación e aplicarase a correspondente sanción.
  • As sancións consistirán en suspender a condición de usuario durante un período proporcional aos días de demora e á frecuencia das demoras; a razón de tres días de suspensión por cada día de demora. Cursarase un máximo de 3 reclamacións cun intervalo de 3 días, ao termo das cales e sen ter reintegrado os fondos obxecto de préstamo perderase a condición de usuario por termo mínimo de seis meses e ata o reintegro dos fondos obxecto de préstamo; isto sen prexuízo do dereito do Colexio para reclamar o importe dos fondos, así como da incoación do oportuno expediente disciplinario se os feitos fosen sancionables conforme aos Estatutos deste Ilustre Colexio de Avogados.


ARTIGO 9.

Os letrados que saquen dos locais do Colexio boletíns, revistas ou outras publicacións análogas, dos que estean á súa disposición na Sala de lectura ou extraia deles libros ou outros documentos da Biblioteca, sen subscribir previamente a oportuna solicitude, serán corrixidos disciplinariamente pola Xunta de Goberno. Igualmente, serán corrixidos disciplinariamente os colexiados que fixesen uso dos ordenadores e bases de datos contravindo o presente Regulamento.

ARTIGO 10.

Toda reclamación ou suxestión que se refira á Biblioteca farase constar no libro correspondente que estará a disposición dos letrados. As ditas anotacións serán estudadas polo Bibliotecario, quen lle fará a correspondente proposta á Xunta de Goberno para o seu estudo.

ARTIGO 11.

As demais cuestións relacionadas coa Biblioteca, que non se estean previstas neste Regulamento nin nos Estatutos do Colexio, serán resoltas pola Xunta de Goberno. O acordo que recaia considerarase precepto regulamentario e deberá engadirse ás presentes normas.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA.

O Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, declina toda responsabilidade polo uso fraudulento que poida facerse dos libros, revistas, bases de datos e demais fondos obxecto de préstamo por parte de calquera usuario da Biblioteca, quen deberá respectar a lexislación vixente en cada momento.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA.

Queda prohibida a utilización de calquera medio do Colexio para a reprodución total ou parcial dos fondos da Biblioteca que sexan obxecto de protección pola Lei de propiedade intelectual.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

O presente Regulamento aplicaráselle aos préstamos existentes no momento da súa entrada en vigor.

DISPOSICIÓN FINAL.

O presente Regulamento entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no taboleiro de anuncios do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela.

Páxina para imprimir








:Aviso legal: :Contactar co Colexio: :RAG:
:Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela: :Rúa Eduardo Pondal, 4: :15702 Santiago de Compostela: