Nota informativa 05/2019

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL NO DÍA DA MULLER

Co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres o día 8 de marzo, o Ilustre Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela quere manifestar o seu compromiso coa igualdade efectiva de mulleres e homes e nomeadamente entre as avogadas e os avogados, en prol dunha sociedade máis xusta, libre e igualitaria.

O tema deste ano é “Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio”. 

Aínda que na nosa profesión xa acadamos a igualdade numérica entre avogadas e avogados (no ICA de Santiago de Compostela acadamos o 55 % de compañeiras) e que somos un dos colectivos profesionais nos que seguramente a igualdade efectiva avanzase máis, non é menos certo que aínda debemos percorrer un longo camiño para a igualdade efectiva entre as compañeiras e os compañeiros, como nos recorda a enquisa realizada polo Consello Xeral da Avogacía Española o pasado ano 2018. Nela púñase de manifesto que para máis do 57 % das avogadas a existencia dun “teito de cristal” é unha realidade que se evidencia de modo notorio nos grandes bufetes, ou que 3 de cada 4 avogadas (77 %) considera que non ter fillos nin familiares ao seu coidado é un aspecto importante para acadar o éxito profesional, ou que a maioría das letradas (63 %) está por debaixo da media dos ingresos profesionais fronte ao 48 % dos avogados.

Asemade o compromiso da Avogacía Compostelá lévanos a querer participar activamente na consecución destes obxectivos para continuar avanzando no camiño da igualdade real, achegando o noso coñecemento e os nosos valores na procura da eliminación dos desequilibrios no acceso e participación das mulleres en todos os ámbitos da sociedade e, nomeadamente, nos que atinxen á nosa profesión.

Na lectura desta declaración, levada a cabo no día de onte no Colexio, participaron as mulleres avogadas que formaron ou forman parte da Xunta de Goberno: Cristina Cajade Cabral, María del Carmen González Ferro, Belén Hospido Lobeiras, Patricia López Arnoso, María Luísa Pasín Mato, Beatriz Piñeiro Vidal, Noemí Ucha Sobral e María Jesús Vieito Mayo. Non puideron asistir: María Gude Sampedro e Ana Villar Fernández.

Tamén participaron as mulleres empregadas do Colexio: Rebeca Cotelo Ramos, Inmaculada López Domínguez e Ruth Louro Luaña.

avogacia_dia_da_muller