Asistencia Xurídica Gratuita: Información

Atención ao cidadán

Se carece de bens suficientes para iniciar un xuízo ou para defenderse nun procedemento iniciado contra vostede, informámolo a continuación dos requisitos e pasos que debe seguir para acceder á xustiza gratuíta.

¿En que consiste a Asistencia Xurídica Gratuíta (AXG)?

É o conxunto de prestacións necesarias para intervir no procedemento xudicial (aboamento de honorarios de avogado e dereitos de procurador, asesoramento xurídico gratuíto, etc.) que garanten o dereito á xustiza gratuíta respecto dos/as cidadáns/ás que acrediten insuficiencia de recursos económicos para litigar, é dicir, para acudir a xuízo en defensa dun dereito ou interese lexítimo.

¿Que cidadáns teñen dereito a AXG?
  • Os cidadáns nacionais ou estranxeiros con residencia legal en España cuns recursos e ingresos económicos computados, como regra xeral, anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no momento de facer a solicitude.
  • Os estranxeiros sen residencia legal en España que acrediten insuficiencia de recursos no proceso penal e nos procesos relativos á solicitude de asilo e nos procedementos administrativos e xudiciais que poidan levar á denegación da súa entrada, devolución ou expulsión do territorio español.
  • Os traballadores e os beneficiarios do sistema de Seguridade Social na xurisdición social.
    O salario mínimo interprofesional fíxao anualmente o Goberno.
Para comprobar que o/a solicitante non ten recursos suficientes valoranranse:
  • As rendas e outros bens patrimoniais ou circunstancias que se declaren.
  • Os signos externos que manifesten a súa capacidade económica real e indiquen se dispón de medios económicos suficientes (por exemplo: tipo de vivenda, coche, bens de luxo e de recreo, ingresos importantes non declarados, propiedade de bens inmobles de valor suficiente, etc.).

(Ser propietario da vivenda na que se reside habitualmente non empedirá o recoñecemento deste dereito, sempre que non sexa luxosa).

Recoñecemento excepcional

Ás persoas cuns recursos e ingresos que superen o dobre do salario mínimo interprofesional pero que non excedan do cuádruplo do devandito salario en atención ás circunstancias familiares, nº de fillos ou familiares ao seu cargo, estado de saúde, obrigas económicas, custos derivados da iniciación do proceso ou outras de análoga natureza.

Nestes casos, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta determinará expresamente os beneficios e en que proporción lle son aplicados ao solicitante.

Insuficiencia económica sobrevida

Se durante a tramitación do procedemento diminúen os seus recursos ou ingresos económicos, situándose dentro dos límites fixados na lei antes indicados para beneficiarse da xustiza gratuíta, deberá dirixirse á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta para expoñer tal circunstancia, xunto coa solicitude de Xustiza Gratuíta.

A AXG só se lles poderá recoñecer aos que litiguen en defensa de dereitos ou intereses propios.

¿Como solicitala?

Mediante o modelo de solicitude que pode obter nos servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados, nos xulgados e xerencias territoriais do Ministerio de Xustiza ou dependencias das administracións autonómicas con competencias na materia, ou delegacións de goberno ou gobernos civís.

Con esta solicitude deberá achegarse unha fotocopia do DNI ou pasaporte, ou tarxeta de residencia en caso de ser estranxeiro, e os documentos acreditativos dos ingresos e bens que xustifiquen o seu dereito a percibir a Asistencia Xurídica Gratuíta que se detallan no impreso.

¿Onde presentar a solicitude?
  1. Nos servizos de orientación xurídica do colexio de avogados do lugar en que se encontre o xulgado ou tribunal que tramite o procedemento que solicita.
  2. Ante o xulgado do domicilio do solicitante, se o proceso non se iniciou. Neste caso, o xulgado fará traslado da petición ao colexio de avogados que corresponda.

Se no prazo de quince días non se dita resolución sobre a súa solicitude, pode reiterala.

Trámites
  • A súa tramitación e resolución correspóndelle á Comisión de Xustiza Gratuíta.
  • Os servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados examinarán a documentación presentada e, se fose insuficiente ou se se apreciasen defectos na solicitude, concederáselle ao solicitante un prazo de 10 días para emendalos. Se non se emendan, arquivarase a petición.
  • Unha vez dmitida a solicitude, o colexio de avogados designará provisionalmente un avogado e, se fose preceptiva a intervención de procurador, comunicarao ao colexio de procuradores para que nos tres días seguintes o designe.
  • Unha vez efectuadas as comprobacións pertinentes e solicitadas as informacións que considere necesarias para verificar a exactitude e realidade dos datos declarados polo solicitante, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta dita unha resolución pola que recoñece ou denega o dereito á Asistencia Xurídica Gratuíta.
  • Se se lle recoñece o dereito: confirma os nomeamentos provisionais de avogado e procurador ou comunícalles aos respectivos colexios profesionais a devandita resolución para o seu nomeamento .
  • Se non se lle recoñece o dereito: déixanse sen efectos as designacións provisionais e o solicitante deberá designar avogado e procurador da súa libre elección e deberá aboar os honorarios e dereitos xerados ata ese momento.
Pretensión insostible

Se o/a avogado/a designado/a para a defensa considera que o preito ou causa que o cidadán pretende iniciar é insostible, é dicir, non ten defensa posible ante os tribunais, iniciarase un procedemento ante a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta con intervención do/a fiscal e do colexio de avogados para determinar:

  • Se se nomea un novo avogado que estará obrigado a defendelo.
  • Ou se se denega a prestación por insostibilidade da pretensión.
Prestacións

Asesoremento e orientación ao detido ou preso que non o designase.

Asistencia de avogado ao detido ou preso que non o designase.

Defensa e representación gratuítas por avogado e procurador no procedemento xudicial cando:

  • A súa intervención sexa preceptiva.
  • Non o sendo, sexa expresamente requirida polo xulgado ou tribunal mediante auto para garantir a igualdade das partes no proceso.

Inserción gratuíta de anuncios ou edictos en xornais oficiais.

Asistencia pericial gratuíta.

Obtención gratuíta de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais.

Redución do custo para a obtención de escrituras e documentos notariais e daqueles documentos emanados dos rexistros públicos que precisen as partes no proceso.

Exención do pagamento de depósitos necesarios para a interposición de recursos.

Recursos

A resolución, tanto se recoñece o dereito como se o denega, poderá ser impugnada:

  • Por escrito motivado (expoñendo as razóns ou motivos).
  • No prazo de cinco días desde a notificación.
  • Non se precisa a intervención de avogado/a.
  • Ante o/a secretario/a da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta.
  • O escrito e o expediente remítense ao xulgado ou tribunal, que:
    Citarao para unha comparecencia na que se lle oirá e practicará proba.
    Ditará unha resolución que manterá ou revogará a resolución impugnada.

Contra esta resolución (auto) non cabe recurso.

Ámbito de aplicación

A AXG esténdese a todos os trámites e incidencias en todo tipo de procesos, incluídos os recursos de amparo constitucional, así como a execución da sentenza e o asesoremento previo á iniciación do proceso.

O avogado e procurador designados para a súa asistencia e representación deberán desempeñar a súa función de forma real e efectiva durante o proceso ata o seu remate, incluídos, se é o caso, os trámites da execución da sentenza ou resolución que lle dea fin, sempre que os devanditos trámites teñan lugar dentro dos dous anos seguintes á resolución xudicial ditada en primeira instancia.

Se trancorrensen eses dous anos, deberá solicitar de novo a Asistencia Xurídica Gratuíta.

Suspensión do curso do proceso

Co fin de garantir o dereito de defensa, o xuíz, por si mesmo ou por pedimento das partes, pode acordar a suspensión dos trámites do proceso ata que se lle nomee avogado e procurador de oficio ao solicitante da AXG.