O Colexio de Avogados de Santiago recibiu a medalla de ouro da Irmandade Xurídica Galega
A asociación que promove a lingua galega na Administración de Xustiza premia o labor a prol do fomento do idioma levado a cabo polo colexio compostelán durante os últimos anos.
Evaristo Nogueira: “Debemos evitar caer na inxusta indiferenza ante o devir do noso maior tesouro colectivo”.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2010. Este sábado tivo lugar no salón nobre da Deputación de Lugo a III Asemblea Xeral da Irmandade Xurídica Galega (Ixuga), que este ano homenaxeou a figura do avogado Pedro González e distinguiu coa súa medalla de ouro o labor de promoción do galego do Colexio de Avogados de Santiago.
O acto principiou coa intervención do presidente da Irmandade, Xoaquín Monteagudo, quen resaltou o esforzo e a valía daqueles xuristas que empregan o galego no seu día a día malia as trabas existentes. O letrado tamén quixo facer un chamamento especial a abandonar o «discurso de pesimismo» que foi penetrando na sociedade arredor do idioma para facer deste «un motivo de orgullo que nos une e nos identifica».
No transcurso destes actos a Irmandade recoñeceu coa entrega da súa medalla de ouro a traxectoria do Colexio de Avogados de Santiago na promoción do galego no ámbito xudicial ao longo dos últimos anos.
O xuíz e membro da Ixuga, Luís Villares Naveira, foi o encargado de pronunciar a louva ao colexio compostelán. Na súa intervención, Villares destacou os méritos que concorreron nesta distinción e reivindicou o exemplo desta institución como espello doutras dentro do ámbito xudicial. Así mesmo, o xuíz tamén confirmou con datos esmagadores a situación anormal que vive o idioma nos xulgados galegos, onde, por exemplo, as resolucións que se pronunciaron no 2008 apenas acadaron o 3,5%.
Deseguido, o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, recibiu o galardón da man do presidente da Irmandade, que estivo acompañado na mesa de autoridades polo fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, o maxistrado Xosé Xoán Barreiro e o fiscal Benito Montero.
No seu discurso, o representante da avogacía compostelá recalcou o compromiso adquirido hai oito anos pola xunta de goberno do seu colexio para promover e defender o emprego do galego no seo da Administración de xustiza.
Nogueira manifestou que «os avogados e as avogadas temos a obriga de ser os defensores dos dereitos e das liberdades da cidadanía, e dentro do seu amplo contido figura sen dúbida o dereito a usar a nosa propia lingua sen ningún tipo de obstáculo nin restrición». Así mesmo, o xurista compostelán tamén fixo fincapé en que o galego no ámbito xurídico «non está nin moito menos nun plano de igualdade en relación co castelán» e, en consecuencia, manifestou que é precisa unha reacción «activista e comprometida» por parte de todos os operadores xurídicos «para evitar caer nunha inxusta indiferenza ante o devir do noso maior tesouro colectivo». Para rematar, expuxo que «queda moito traballo que facer e moitos atrancos no camiño que superar».
Como vén sendo habitual, a Ixuga tamén levou a cabo o acto de imposición de togas e insignias da Irmandade a aqueles profesionais do ámbito xurídico que empregan con normalidade o idioma galego. Dezaseis novos irmandiños e irmandiñas, procedentes da xudicatura, da avogacía, do secretariado xudicial e do corpo de funcionariado, ratificaron o seu compromiso de usar a lingua propia nos xulgados galegos.