II xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”

Ano: 2008

Cartel

cartelIIxustizaelingua

Díptico

dipticoIIxustizaelingua

Información

A II xornada Xustiza e Lingua analizou o estado do galego na xustiza

“O galego é o maior patrimonio cultural dos galegos, é máis antigo que a propia catedral”

“Requírese unha revisión da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX)”

 

2xornada222/10/2008. A segunda edición da xornadaXustiza e Lingua, reflexións para a normalización foi inaugurada e moderada polo decano do colexio de avogados compostelán, Evaristo Nogueira Pol, quen manifestou o seu compromiso co proceso normalizador que está a vivir a súa entidade. Nogueira fixo un breve repaso por algunhas das principais accións levadas a cabo neste sentido durante os últimos anos. No seu percorrido destacou coma positiva a continuidade da propia xornada, que botou a andar no pasado ano con moi bo acollemento. Tamén se referiu á publicación da revista colexial Avogacía Compostelá, editada integramente en galego ou a variada oferta formativa en lingua galega dirixida ás/aos profesionais colexiados.

A continuación tivo lugar a intervención do académico Xesús Ferro Ruibal quen amosou en todo momento unha perspectiva esperanzadora sobre o momento polo que atravesa o galego. Neste sentido, Ferro Ruibal sinalou que feitos coma os que están tendo lugar no colexio de avogados “son boa mostra de que algo está a cambiar para ben”. Sobre o noso idioma lembrou que é o maior patrimonio que temos os galegos como cultura e como pobo, e mesmo dixo que ás veces esquecemos que se trata dun “patrimonio máis antigo que a propia catedral compostelá”.

Xa no referido ao uso do galego na xustiza, engadiu que moitas das eivas das que adoece o idioma no ámbito xurídico requiren unha revisión necesaria da LOPX para preservar ou garantir certos dereitos que se ven en situación desfavorable.

Deseguido, o investigador referiuse no seu discurso fundamentalmente á importancia que cobra a aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, aprobada en Estrasburgo en 1992 e revisada e avaliada periodicamente pola Consello Europeo. Por outra banda, tamén quixo reflexionar acerca da importancia que lle debemos conceder ao Plan xeral de normalización da lingua galega, do que desprendeu dous piares fundamentais alí recollidos e de gran utilidade para mellorar a presenza social da nosa lingua: a oferta positiva e a oferta informativa. “Non debemos esquecer o feito importante de ser produto dun acordo unánime de todas as forzas políticas galegas a prol do idioma e do que iso supón”, engadiu.

Pola súa parte, o fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela García, citou e comentou detidamente os artigos que máis inciden nos dereitos lingüísticos ante a xustiza, como poden ser o artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial ou o artigo 7.1 da Lei de normalización lingüística.

Tamén botou man da xurisprudencia que incide de xeito máis directo no uso do galego, como é o caso da Sentenza do Tribunal Constitucional 82/1986, da que desprendeu consecuencias notorias sobre a plena validez das comunicacións realizadas en galego sen que poida alegarse descoñecemento por parte da Administración.

Por outra parte, o fiscal superior sinalou como imprescindible o feito de dotar o galego na xustiza de máis medios e ferramentas para facer posible un incremento efectivo do seu uso.

Para rematar, Carlos Varela tamén quixo recordar “a total normalidade” de uso do galego durante a etapa en que desenvolveu a súa actividade profesional nos xulgados de Vigo sen que iso lle motivase ningún tipo de atranco.

Galería de Imaxes