Circular informativa 06/2019

MIGRACIÓN DE CONTAS DE CORREO ICASANTIAGO.ORG POR CAMBIO AO SERVIDOR DO CONSELLO XERAL DA AVOGACÍA ESPAÑOLA

Desde este luns, 8 de abril, iníciase o proceso de migración das contas de correo electrónico con dominio icasantiago.org, que ata o de agora estaban aloxadas no servidor do Consello da Avogacía Galega e que pasarán ao servidor do Consello Xeral da Avogacía Española, por ofrecer este último maiores prestacións, capacidade e seguridade.

É importante realizar correctamente a migración dos datos existentes nestas contas de correo para que o contido almacenado polos colexiados non se perda ao facerse efectivo o cambio de servidor. Por este motivo, pedimos a máxima colaboración de todos aqueles colexiados e colexiadas que dispoñan de contas de correo con dominio icasantiago.org.

Para que o persoal técnico de Redabogacía (CXAE) poida realizar con éxito a devandita migración, é necesario que cada colexiado autorice expresamente a operación. Para iso deberá cubrir un formulario cos seus datos persoais e os da súa conta (só as de dominio icasantiago.org).

Este formulario pode cubrirse dende esta ligazón: http://migracion.icasantiago.org/  (En Dominio de correo : icasantiago.org)

Unha vez enviado o formulario correctamente, recibirase unha mensaxe para indicar que a solicitude foi procesada e que lle será comunicada a data en que poderá acceder á nova plataforma de correo. Nesa comunicación figurará tamén un novo contrasinal temporal xunto coas instrucións para modifícalo ao acceder por primeira vez.

Mentres se realizan os labores de migración, a conta de correo seguirá activa e os usuarios poderán seguir operando con ela con total normalidade.

Establécese un prazo ata o 30 de abril para cubrir e enviar o dito formulario, non obstante, é recomendable facelo o antes posible. No caso de non presentalo, as contas con dominio icasantiago.org quedarán bloqueadas e sen servizo unha vez que finalicen os traballos de migración.

Vantaxes e características do novo servizo de correo electrónico

Privacidade e seguridade nas comunicacións:

– Seguridade xurídica: garantía de cumprimento da LOPD

– Seguridade técnica: certificado do Esquema Nacional de Seguridade, utiliza a última tecnoloxía en sistemas antispam e antiphishing

Conta profesional de alta capacidade:

– Caixa de almacenamento de 50 Gb
– 1 TB de almacenamento na nube (OneDrive)
– Xestión profesional de axendas, contactos, tarefas
– Soporte técnico ao usuario
– Interface intuitiva e doada de usar

Máis que un correo, ferramentas de colaboración na nube, desde o teu ordenador, móbil ou tablet:

– Traballa en liña cos teus documentos de Microsoft Office (Word, Excel, PowerPoint) sen necidade de telo instalado
– Gárdaos de forma segura na nube con OneDrive. Comparte ficheiros con clientes, outros membros do despacho, o Colexio
– E moito máis (mensaxería instantánea, videoconferencias, reunións en Internet…)