Circular informativa 13/2019

IMPORTANTE

  1. Quenda específica de violencia de xénero: partido xudicial de Santiago de Compostela
  2. Creación de listas específicas de violencia de xénero nos partidos xudiciais de Arzúa, Negreira, Ordes e Padrón

1. QUENDA ESPECÍFICA DE VIOLENCIA DE XÉNERO: PARTIDO XUDICIAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Acreditación de formación continua antes do 01.12.2019

Unha vez comprobada a asistencia ao Curso de acceso e formación continuada en violencia de xénero organizado por este Colexio de Avogados durante os pasados meses de maio e xuño de 2019, a Xunta de Goberno, na sesión do 07.10.2019, acordou comunicarlles a aqueles letrados que figuran dados de alta actualmente na lista específica de violencia de xénero e que non realizaron o devandito curso de formación continua, ou non completaron o mínimo de asistencia (80 %), que antes do 01.12.2019 deberán acreditar ante a Xunta de Goberno a realización de formación continua similar á realizada por este colexio.
Os colexiados que non acrediten a correspondente formación continua antes da data sinalada serán dados de baixa na quenda específica de violencia de xénero con efectos dende o 01.01.2020, en cumprimento do establecido na lexislación vixente en materia de violencia de xénero e segundo os acordos adoptados pola Xunta de Goberno ao respecto.
A partir do 01.01.2020 todos os letrados desta quenda especializada deberán acreditar formación continua nesta materia cada tres anos.

2. CREACIÓN DE LISTAS ESPECÍFICAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO NOS PARTIDOS XUDICIAIS DE ARZÚA, NEGREIRA, ORDES E PADRÓN

O Colexio de Avogados, en cumprimento do establecido na lexislación vixente en materia de violencia de xénero, porá en funcionamento a partir do 01.01.2020 unha quenda especializada de asistencia e asesoramento a vítimas de violencia de xénero nos partidos xudiciais de Arzúa, Negreira, Ordes e Padrón.
Para a creación das listas específicas nestes partidos, ábrese un prazo ata o 22 de outubro, ás 20.00 h, para que os letrados e letradas interesadas e que cumpran os requisitos que se indican a seguir poidan solicitar a súa incorporación á quenda do partido xudicial correspondente.

Requisitos:

  1. Ser letrado/a exercente residente do ICA Santiago e dispoñer de despacho principal no partido xudicial en que solicite a incorporación.
  2. Os requisitos esixidos pola Orde ministerial do 03.06.1997, que regula o acceso á quenda de oficio (acreditar máis de tres anos de exercicio efectivo da profesión).
  3. Acreditar unha formación inicial en materia de violencia de xénero. Así mesmo, dende o 01.01.2020 deberase acreditar unha formación continua cada tres anos a partir do último curso realizado.

As solicitudes deberán presentarse por escrito na secretaría (no correo electrónico icas@icasantiago.org) do Colexio (os colexiados/as que realizaron o curso organizado por este colexio non precisarán acreditar esa formación).

Circular informativa 13/2019