Circular informativa 21/2018

NOVA BASE DE DATOS DE ARANZADI NA WEB DO COLEXIO

Portal de contidos Thomson Reuters de Aranzadi na web colexial, de acceso gratuíto para colexiados.

O Colexio, seguindo a liña emprendida de incorporar novos servizos e recursos de interese para os nosos colexiados, contratou coa editora Thomson Reuters de Aranzadi un portal de contidos xurídicos para a páxina web (www.icasantiago.org), que xa está ao dispor de todos os colexiados de forma totalmente gratuíta. O acceso a este novo portal pode facerse dende a sección “Bases de datos / Biblioteca online” > “Base de datos Thomson Reuters – Aranzadi”.

Este novo recurso contén:

  • Base de datos de xurisprudencia e lexislación
  • Biblioteca dixital (códigos)
  • Área de formación, e-Learning (3 cursos gratuítos ao ano para cada colexiado)

Importante
Ao acceder por primeira vez, será necesario rexistrarse creando un usuario a partir dunha conta de correo electrónico persoal e un contrasinal. Desta forma habilitarase un acceso único e individual a todas as funcionalidades do portal, o que permitirá sincronizar os rexistros de cada usuario e gardar o seu historial de sesións (buscas habituais, cursos realizados etc.).

Como rexistrarse:

  1. Entrar na zona de colexiados da páxina web www.icasantiago.org e validar o usuario introducindo o número de colexiado/a e o DNI (sen puntos nin letra).
  2. Acceder á sección “Bases de datos / Biblioteca online” e despois a “Base de datos Thomson Reuters – Aranzadi”.
  3. Dar de alta un usuario no apartado “Alta en servizo” (só necesario a primeira vez), introducindo un correo electrónico particular e os datos requiridos no formulario (nome e apelidos, correo electrónico e teléfono).
  4. Crear un perfil de usuario (nome e apelidos, correo electrónico).
  5. Configurar o perfil de seguridade.
  6. Por último, recibirase na conta de correo facilitada unha mensaxe de benvida ao portal e outra na que haberá que confirmar a activación da conta (picando na opción de activar).

Manual (PDF) sobre o proceso de alta.

Coa contratación desta nova base de datos, o Colexio pon á disposición de todos os colexiados e de forma totalmente gratuíta un repertorio coas bases de datos xurídicas máis completas e demandadas do mercado: Tirant Online, La Ley, Biblioteca online de Sepín e Thomson Reuters de Aranzadi.