O servizo de asesoramento lingüístico préstalles a todos os colexiados e colexiadas os servizos de corrección, tradución e resolución de consultas referidas a cuestións relacionadas coa lingua galega.
Servizos
Corrección e supervisión de todo tipo de documentación. A revisión dos textos aterase sempre ás normas ortográficas e morfolóxicas oficiais e vixentes na actualidade para o idioma (texto das Normas aprobado en xullo de 2003). Tras a fase de normativización do texto tamén se prestará atención especial ao coidado doutros parámetros, como poden ser: a mellora da redacción e do estilo, a correcta organización dos contidos, a disposición e deseño formais do documento, etc.
Tradución. En principio, as traducións que se levarán a cabo serán literais sobre o texto que se presente. De considerar que é necesario realizar cambios relevantes en beneficio da calidade final do texto, estes serán consultados previamente coa persoa demandante deste servizo.
Atención de consultas relacionadas co galego. Primeiramente, preténdese ofrecer un servizo de asesoramento continuado sobre dúbidas de carácter lingüístico (fonéticas, ortográficas, morfolóxicas, gramaticais…) e terminolóxico que poidan xurdir de xeito puntual. Ademais do asesoramento estritamente lingüístico tratarase de fornecer ao/á colexiado/a da información que requira sobre outras cuestións relacionadas coa lingua galega: dereitos lingüísticos, toponimia, sociolingüística, recursos e materiais sobre a lingua, etc.
Funcionamento
Para os servizos de corrección e tradución, o/a usuario/a pode achegar a documentación por calquera dos medios de contacto. Na procura dun mellor control e funcionamento esta debe ir acompañada dunha pequena solicitude onde figuren os seus datos colexiais e as observacións que considere oportunas. Unha vez que estea rematado o traballo solicitado, este seralle devolto polo mesmo medio ou polo que se considere máis axeitado no seu momento.
Os textos hanse remitir, preferentemente, en soporte electrónico (con formato .doc ou .txt) para optimizar o tempo de execución do traballo e tamén a súa calidade final.
En canto ás consultas, estas pódense presentar a través do formulario de consultas en liña que aparece nesta páxina, ou se non, a través dos medios anteriormente sinalados para o contacto. Serán respondidas polo mesmo medio ou polo que se considere máis axeitado no seu momento.
Os prazos para a execución de cada un destes servizos estarán suxeitos ao volume de traballo existente no momento da solicitude.