Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”

Ano: 2007

Cartel

cartelxustizaelingua

Información

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”.

Esta xornada, destinada ao mundo da avogacía e da xustiza en xeral, terá lugar o xoves 8 de novembro de 2007, ás 18:30 h no Salón de actos do Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela. O aforo máximo é de 80 prazas e entregaráselles un certificado de asistencia a todas as persoas asistentes.

Un dos obxectivos principais desta xornada é reflexionar acerca do proceso de normalización que se está a vivir no ámbito da xustiza, así como ofrecer experiencias positivas e novas perspectivas que favorezan o uso normal da lingua galega no exercicio xurídico.

A xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización” abordará catro ámbitos diferentes pero á súa vez complementarios:

Ámbito da xudicatura: “Análise do marco legal do galego no ámbito da Xustiza”, por Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra
Ámbito da docencia do Dereito: “A normalización no eido xurídico dende unha perspectiva histórica”, por Luís Rodríguez Ennes, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Vigo
Ámbito da avogacía: “O comportamento dos poderes públicos e dos profesionais do Dereito cara ao galego”, por Alfonso Álvarez Gándara, decano do Colexio de Avogados de Vigo
Ámbito lingüístico: “A(s) lingua(s) da xustiza en Galicia”, por Henrique Monteagudo Romero, secretario do Consello da Cultura Galega e sociolingüista

Ese mesmo día, ás 18:30 h terá lugar a presentación aos medios da campaña “Avogamos polo galego”, para o que se contará coa presenza do decano do Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira Pol, e da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.