O Colexio da Avogacía de Santiago recibiu 2.567 solicitudes de xustiza gratuíta no primeiro semestre de 2025

O Colexio da Avogacía de Santiago recibiu no primeiro semestre do ano 2.567 solicitudes de xustiza gratuíta, case cen cada semana.

“A xustiza gratuíta é un servizo público que está operativo as 24 horas do día durante 365 días o ano, polo que quero destacar en primeiro lugar o gran traballo que fan os avogados e avogadas da quenda de oficio e o persoal do Colexio de Avogacía de Santiago”, sostén Francisco Rabuñal, decano dos letrados compostelanos.

“A xestión da xustiza gratuíta supón un esforzo moi importante en medios técnicos e humanos e actualmente este gran esforzo faise con moitas limitacións, polo que é moi urxente e necesario un incremento do orzamento destinado á asistencia xurídica gratuíta en Galicia, se non queremos asistir o seu colapso a curto prazo”, engade Rabuñal.

A Avogacía de Santiago atende ademais a unha poboación de máis de 270.000 persoas, xa que desde a institución colexial xestiónase a quenda de oficio dos partidos xudiciais de Santiago de Compostela (Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo e Vedra); Arzúa (Arzúa, Boimorto, Santiso, Toques, Touro, O Pino e Melide); Negreira (Negreira, A Baña, Brión e Santa Comba); Ordes (Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra), e Padrón (Padrón, Dodro, Rois e Rianxo).

320 profesionais forman parte da quenda de oficio do colexio, un servizo que garante a igualdade no acceso á xustiza para todos os cidadáns.